Leoteca - Parte de Smartick

Cando os animais falaban

Autor: Reigosa, Antonio; Miranda, Xosé

Ilustrador: Meixide, Andrés

Cando os animais falaban é un tempo mítico en que se sitúan un grande número de contos populares, de sucesos fantásticos e marabillosos, sobre todo protagonizados por animais, coma os cen que se recollen neste volume preparado por Xosé Miranda e Antonio Reigosa. Ese tempo mítico pérdese na noite dos tempos e lévanos a unha época remotísima, de aí que esta frase apareza como fórmula de entrada de contos e relatos, sobre todo dos contos de animais e dos contos marabillosos e de maxia, moi similar a outras ben coñecidas como “Érase unha vez”, “Desta era” ou “Nos tempos de Maricastaña”. O cento de contos que se recollen neste volume, cada un deles ilustrado fermosamente a toda cor por Andrés Meixide, están tirados todos eles da tradicón oral galega; todos eles refírense ós tempos primitivos, os tempos da creación, cando se decidiu que as cousas fosen como son, que o carrizo fose pequeno, que a silveira dese amoras e que a cobra non tivese patas. Son contos populares que explican, a súa maneira, por que as cousas son dese xeito e non doutro. Neste libro, singularmente fermoso, quedan explicadas a orixe e a causa de moitos fenómenos naturais e conductas humanas: ¿Por que os corvos non son fachendosos?, ¿Por que a andoriña é un paxaro que trae sorte?, ¿Por que o moucho chama sempre polos bois?, ¿Por que os paxaros fan niño?, ¿Por que no inverno non se ve o cuco? ¿Como se alimentan as follas das árbores? Son algunhas das preguntas que se responden neste volume, cuestións que quedan explicadas dun xeito tan inxenuo e plástico como fermoso. Un libro imprescindible para coñecer e gozar e rir cos nosos mitos fundacionais, que poden compararse cos de calquera outro pobo do mundo.