Leoteca - Parte de Smartick

< Volver

Contos de Nadal

Autor: Rivas, Manuel

Ilustrador: Prado Plana, Miguelanxo

Oito contos de nadal reunidos nun volume singular, de grande formato e encadernación acortonada, que constitúe un feito único na edición en lingua galega. A recuperación do clasicismo narrativo do conto emotivo, que frecuentara Emilia Pardo Bazán, transformado por Manuel Rivas en neons de emoción, reinventadas visualmante por Miguelanxo Prado. O diálogo expansivo entre estas dúas miradas sensibles converten a este libro nunha buguina de esperanza. Oito historias acontecidas nos días de nadal, imaxes dunha realidade luxada pola incerteza do noso tempo e transformadas pola alquimia da memoria. “O namorado de María” ou a peripecia dos tres Magos que queren inventar a verdade a bordo dun coupé packard, circulando por un país condenado á insuficiencia respiratoria. “Madonna” ou a crónica emocionante dunha rapaza de cuarto de ESO, magoada polo mal das vacas tolas que afecta a unha das vacas da súa granxa o día de Noiteboa. “O partido de Reis” ou a proeza de Félix, ese mozo con síndrome de Down, que consegue pasar a raia estremecendo aos seus compañeiros de equipo que desputan un encontro cos das Casas Baratas. “O amor das sombras” ou o camiño que percorre na Noiteboa, acompañado do seu can, o vello solitario na procura da namorada da súa memoria. “A barra de pan” ou a sorprendente narración de como o Chanel comeu unha alma, transformada en barra de pan naqueles tempos da fame e da cartilla de racionamento. “O carteiro de Papá Noel” ou a experiencia de quen traballou ao servizo duns grandes almacéns e comprobou abraiado que naquela noite había moita felicidade que repartir. “Okay” ou a traxedia do naufraxio na Noiteboa do Begonia, o mellor buque do Gran Sole, provocado por un maldito golpe de mar. “A chegada de Ingrid” ou o recordo do regreso de Alemaña dun dos compoñentes daquel curioso Dúo Dinámico, que trouxo na maleta Ingrid, a moneca que falaba da súa soidade e expresaba o desexo de ser amado.