Leoteca - Parte de Smartick

< Volver

Resultados de tu búsqueda: 529 libros

Raquel, unha nena de dez anos, e os seus compañeiros de clase foron de excursión en autobús aos bosques do río Eume. Alí pasaron un día marabilloso. Explorando as ruínas dun mosteiro abandonado, e adentrándose no bosque para coller castañas e levalas a casa. Cando regresou, Raquel contoulles aos seus pais as aventuras, e foise agotada para a cama. Entón escoitou uns ruídos que procedían da súa mochila, descubrindo que alí había un homiño diminuto. Un trasno chamado Derdrín, que se agochara para pasar o inverno cos homes, pois tódolos seus compañeiros desapareceran. Raquel deulle de comer e agochouno entre os seus monecos, para que ninguén o descubrise. Derdrín é un trasno invisible ou case invisible para as persoas adultas, pero non para os nenos pequenos e os animais. Derdrín ten 300 anos de idade. É moi valente e decidiu salvar aos seus procurando axuda entre os humanos. Tódolos días, ao deitarse, Raquel contaralle ao trasno as súas aventuras, ata facérense moi boa amigos. Nas festas de nadal, derdrín disfrázase de Papa Noel. Pero terá saudades do seu bosque, e da súa amiga Gwinlai, unha trasniña nova coa que se levaba moi ben. No corazón do bosque, o libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado fermosamente por Miguelanxo Prado, é unha historia de seres fantásticos, onde trasnos, aneis máxicos con poderes, seres invisibles desenvólvense sobre a atmosfera natural da fraga do Eume. Como é habitual nas obras de Fernández Paz, neste libro tamén se abordan outras cuestións de interese para os lectores de oito anos en diante:.a convivencia dentro da familia, os conflictos dentro da aula, os problemas económicos, a amizade e a soidade, os problemas ecolóxicos ou do medio ambiente. O eixo do libro está constituído, pois, polo encontro dunha nena de hoxe cun ser tan característico do mundo mítico galego (e tamén do peninsular e europeo) como é o trasno.

No corazón do bosque

Fernández Paz, Agustín

144Ver
8+

A Nicolás anóxao a escola pero pásao fenomenal cando visita seu Tío Delio, que é reloxeiro e vive nun vello vagón de tren, que el mesmo amañou. Alí, tío e sobriño consultan libros e pasan os mellores momentos observando o curioso mecanismo dos reloxos e a engrenaxe das súas diferentes pezas. Un día, na caixa dun reloxo antigo, descobren un antigo cofre que contén unhas cartas de amor –que fan referencia a desavinzas familiares, herdos e a un obxecto misterioso–, un pano cunhas iniciais bordadas que envolve unha presa de xoais e unhas moedas antigas. Daquela deciden investigar. Para iso conta con Ramiro, Sol e Társila, os amigos de Nicolás. As esculcas levaranos a contactar cun anticuario da cidade e despois cunha señora pertencente a unha familia nobre que era a propietaria dun pazo deshabitado de Eiravela, de onde inicialmente procede o reloxo. Todos os catro acodirán ao pazo nunha misión un tanto arriscada, pero chea de sorpresas. Xabier P. Docampo en O Pazo Baleiro deixa albiscar a súa afección pola literatura de aventuras cando eses catro amigos tratan de desenredar xuntos un misterio da aldea onde viven e que se remonta a tempos moi afastados. Docampo retrata con eses catro nenos catro universos diferentes: a rapaza tímida, a valente, o neno independente e o honesto, catro calidades coas que os rapaces conseguirán o que se propoñen. Pero aínda hai algo máis. Amais dunha historia de aventuras tamén o é de solidariedade, de comprensión e de respecto á diferencia pois o misterio comézao Delio, que é o retrato dun ser marxinal, extravagante, incomprendido, pero apaixonado polo seu traballo e cómplice co seu sobriño, a quen lle demostra que o importante é actuar como un pensa. En O Pazo Baleiro, como nas mellores novelas de aventuras, o lector ou a lectora sente que hai algo prohibido. Unha novela de corte clásico que de seguro ha cumprir un dos desexos do autor. “Gústame pensar que para cada libro que escribo existe alguén a quen lle gusta lelo”.

O Pazo Baleiro

DoCampo, Xabier P.

160Ver
12+

Said e Sheila, os dous irmáns da época futura, viven nas páxinas deste volume as súas máis sorprendentes e arriscadas aventuras. Saben que o futuro non é algo inevitable, senón algo por construír, que temos que facer entre todos. E así o demostran en cada unha das súas aventuras viaxando do futuro ao pasado, e desprazándose no seu transportador por todo o planeta, dende a Antártida a Grecia, dende Suíza á Arxentina, dende Brasil á parroquia de Loreda, a aldeíña galega onde viven conectados ao mundo co seu ordenador, pacifistas, solidarios, defensores da xustiza e do medio ambiente, coa axuda da súa panda de amigos e amigas, saberán enfrontar con optimismo a aqueles que pretenden facerse donos do planeta. Todo o alento das mellores narracións de aventura e ciencia ficción, na primeira serie de personaxes da literatura galega dirixida a lectores adolescentes que Ramón Caride Ogando iniciou con Perigo vexetal, a novela gañadora do Premio Merlín na súa edición do ano 1995. Dende aquela, Caride e o ilustrador Miguelanxo Prado uniron os seus xenios creativos para ofrecer unha serie coidadísima que, ata agora, se completou con tres novas entregas, publicadas todas elas na colección Xerias Merlín: Ameaza na Antártida, O futuro roubado e o conto “A primeira aventura de Said e Sheila”, incluído no volume colectivo Historias para calquera lugar. Xerais ofrece agora nun único volume, encadernado en cartoné, o conxunto da serie para disfrute dos milleiros de seguidores de Said e Sheila, os irmásn ecoloxistas e pacifistas que loitan dende o futuro por un mundo mellor.

As aventuras de Said e Sheila

Caride, Ramón

360Ver
10+

Este libro trata dos habitantes imaxinarios de Galicia, os habitantes dun mundo máxico, que non é distinto do real, ou que polo menos non está moi lonxe deste, e pode entreverse algunhas mañás, entre os raios de sol que perforan a néboa; un mundo encantado que se sitúa no afastado horizonte, alí onde apousa o arco da vella os seus beizos e bebe as augas dos ríos, cando chove e vai sol e o demo vai para o Ferrol cargadiño de alfinetes; que se insinúa na espesura dunha fraga, entre vellos carballos, á sombra dos que durmiña un xastre coxo e nugallán, que en sete parroquias non cose para ninguén e non dá tres pases e vano levar os demos; ou nas noites de San Xoán, á escasa luz das fogueiras, cando saltamos o lume novo e imos recoller o sabugueiro… Os autores deste volume, o mesmo equipo que publicara o Diccionario dos seres míticos galegos, diríxense agora ao público infantil e xuvenil co obxectivo de que os rapaces e rapazas aprendan a tratar cos mouros, cos ananos, con esoutra xente cativa que habita nos castros, nos pazos soterrados, que voen coas meigas por riba das silveiras e por baixo das carballeiras. Xoán Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda volven a facer o esforzo de presentar o saber tradicional do pobo, os ósos dos defuntos (a quen hai que escoitar con grande atención), que agardan polos nosos, os cantos dos paxaros, as antigas receitas e os compoñentes novos, o fiúncho e a menta, a ruda e a herba de namorar, que só medra nos confíns occidentais do mundo, onda nós. Esta Pequena Mitoloxía de Galicia, libro singular, mesmo no seu formato e encadernación en cartoné, foi ilustrado por catro dos nosos mellores ilustradores Irene Fra, Fino Lorenzo, Enjamio e Teresa Novoa. Catro miradas diferentes, catro estilos para desenvolver un mesmo proxecto: o de devolvernos o rostro descoñecido de trasnos, diaños, tardos e outros seres da mitoloxía galega.

Pequena mitoloxía de Galicia

Miranda, Xosé;Reigosa,...

112Ver
12+

Historias para calquera lugar é o libro colectivo co que a colección Merlín celebra a publicación do seu número 100. Cinco relatos, ilustrados por Miguelanxo Prado, onde se mesturan a intriga, o humor e a emoción; historias que atrapan sen remedio a atención de quen as le. An Alfaya escribiu “A muller prohibida”, un emocionante conto de iniciación e recuperación da memoria. Mentres camiñan descalzos polo areal, o narrador adolescente escoita engaiolado o seu padriño, o relato de como viviu os tempos de Franco e a experiencia dolorosa do seu amor prohibido. Ramón Caride escribiu “A primeira aventura de Sheila e Said”, que nos sitúa na fronteira entre os desertos do erg e do reg, nos primeiros anos de vida de Sheila e Said, na compaña dos seus pais, Hazid e María, e do seu avó Xan. Un trepidante relato da mellor ciencia ficción ecolóxica e solidaria. Agustín Fernández Paz escribiu “As sombras do faro”, un estremecedor relato de terror e intriga, coa presencia das sombras do pasado. O narrador recupera a súa memoria de iniciación adolescente en Pontebranca. Rememora as súas viaxes en bicicleta para explorar a vila e os seus arredores, e a fascinación que sentían por visita-lo outeiro do faro, onde non vai nunca ninguén. Xabier P. Docampo escribiu “Do que lle aconteceu a Silvano a consecuencia de caer dunha cerdeira”, un conto cheo de humor. A Silvano mudoulle a vida cando caeu da cerdeira; conmocionado polo golpe, dende entón farfallaba unha lingua que non entendía ninguén. Silvano era un neno simpático, para todos tiña algunha palabra amable que dicía con cara de risa, magoa que ninguén o entendera. Miguel Vázquez Freire escribiu “A secta do can”, un relato de ciencia ficción e intriga. Ax debe localizar, neutralizar e, se fose preciso, destruír á Secta do Can, un grupo de natureza descoñecida que intervén de forma reiterada en pantallas públicas e privadas, mediante mensaxes agresivas e disolventes, manifestamente contrarias á Orde Única Universal.

Historias para calquera lugar

Alfaya, An;Caride,...

224Ver
10+